martes, 17 de enero de 2012
Recibimos noticias de Avellano (agora Damh), adoptado no Refuxio
Chámome Ramiro mais a maioría da xente adoita chamarme Nano, son un xoven de 22 anos que vive no Concello de Trazo nunha casa na cal, tanto meu avó coma o meu pai eran cazadores así que me criei rodeado de cans sempre; prácticamente nunca había menos de 5 cans na casa e sempre xogaba con eles posto que na miña aldea non había rapazada da miña idade. Así é que creei un vínculo especial cos animais, sobre todo cos cans, pero sempre tiven a espiña cravada de non ter un can ao que poidera chamar "o meu can", unha mascota, un verdadeiro amigo cuadrúpedo. Sempre me dicían que xa había cans abonda na casa e que non se me ocorrera traer ningún máis... Xa cando eu era máis mozolo, entrando na adolescencia, os meus maiores deixaron de ir á caza e os cans de caza quedaron relegados a meros avisadores de presencia de persoal na eira. Pouco a pouco, foron falecendo de vellos até que só quedou un, o Chito, un can que dou bastantes problemas nos seus inicios pero que agora é unha mistura de podenco ibicenco a mar de salado, bastante xoguetón a pesar da súa idade... pero que, se sentía moi só estando el só na casa; así que meu pai díxome que buscase algún can para min e para facerlle compañía ao xa mencionado Chito (o nome foi cousa de meu avó, aviso!).
Sempre quixen ter un can de faccións rudas, o típico can de tío duro aínda que eu non sexa precisamente o malote de película. A cousa é que barallei moitas razas, e, a pesar de que podía permitirme mercar o can da raza que eu quixera, acordei que me iba a sentir moi mal pagando por un can a sabendas de que en canceiras e refuxios de animais hai multitude de animais aos que lles foi negada unha oportunidade na vida; animais nobres que por unha ou outra causa non teñen a sorte que se merecen. Así pois, non mo pensei dúas veces e fun a dar unha ollada ao refuxio de Bando. Foi algo moi duro para min, sempre vira fotos do refuxio, pero nunca entrara. Non é agradábel ver como cada cela está chea de cans, que te miran con desesperación por conseguir un cariño, por conseguir un fogar, un dono ou dona ao que coidar... partiume a alma recorrer os corredores escoitando as historias de moitos deses animais, algúns dos cales recibiran tratos moi crueis por parte dos seus donos ou de xente (se se lles pode dar nome de persoas...) das rúas onde vagaban abandonados. Acódordome entre outros de Bella, unha mistura de pitbull con bóxer preciosa que se atopaba enferma cando eu a vin, un animal moi doce e mimoso, á par que temeroso que miraba con recelo aos novos visitantes; agora mesmo atopou un fogar, cousa que me enche de alegría. Case chegando ao final do meu recorrido polo refuxio, atopei cun tal Avellano (outra mistura de bóxer con pitbull), estaba nunha cela con outros 8 ou 9 cans, todos eles armando barullo, ladrando e saltando ao lado da reixa clamando por algo de atención.
Avellano non; simplemente apoiaba o fociño e poñía mirada triste coma se do gato de Shrek se tratase, ao mesmo tempo era unha mirada de resignación, como se lle dera igual o que lle pasara na vida. Pregunto por el e infórmanme de que foi atopado atado no cuarto de limpeza dunha casa abandonada en Brión e que levaba abandonado alí probábelmente máis dunha semana, sen comida e lambendo a auga que goteaba dos tubos da auga que por alí pasaban (unha vez máis cagueime no innomeábel e no adxetivo "humano"). Acerquei a man xunto da súa boca, limitouse a ulila e deixarse acariñar un par de veces á par que se levantaba cara ao interior da xaula e se deitaba lonxe do demáis cans que seguían co seu balbordo. E dende alí, dende o fondo da xaula, seguía mirándome con eses ollos negros que desbordaban humanidade.
Elexino a el e foi unha das mellores decisións da miña vida. Asemade, decidín rebautizalo como Damh, un nome de orixe gaélico que significa por unha banda boi e pola outra guía e escolta.
Hoxe en día é un dos mellores amigos que podo ter, sempre está disposto a sair a pasear, chova ou non; sempre quere xogar e adícase a rirse de min en canto ten a pelota na boca. Alegroume moito a vida, e por descontado, tamén lla alegrou ao Chito que xa non se ve só.
Todos os días tócalle paseo a ambos, chova ou non. A verdade é que saiu un can "curioso" canto menos: encántalle meterse nos regos e enchouparse de lama até arriba, sen embargo, é o primeiro en buscar un anaco do paraugas cando chove. Ademáis, non só mellorou a miña vida e a de Chito, senón a da familia en xeral; posto que meus pais tamén saen a pasear conmigo e con el (ás veces só con el, cando eu non podo); polo que nos uniu bastante como unidade familiar. É un animal que se mostra moi agradecido polo trato que recibe, un pouco traste ás veces (a eira non volverá a estar "limpa" na vida), aprende rápido, é bastante guieiro, moi glotón, hiperactivo,...
Acórdome do día que o fun a recoller ao refuxio, acompañábame meu pai e estabamos sentados na oficina. Estaba rematando de firmar o papeleo mentras a encargada iba a buscar a Avellano-Damh. Ao entrar pola porta e vernos abalanzouse sobre nós e comeunos a lametóns. Creo que foi o mellor saúdo que alguén me dou na vida.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
5 comentarios:
Ghústame! :D
:'-) Se me salen las lágrimas..... preciosa historia, PRECIOSA NARRATIVA, y sobretodo, PRECIOSO FINAL. Yo tuve la suerte de conocer a Avellano, y a Bella. Menudos amores. Cuánto me alegro por ellos. No se puede medir con palabras. GRACIAS, "NANO" por compartir esta historia, y por darnos, como siempre en estos casos, nuevas fuerzas para seguir luchando porque TODOS tengan el bonito final que se merecen.
GRACIAS.
Grazas a ti Estela :)
E a todos os que loitades para que a nosa historia non sexa a única.
que grandes son estas noticias... sempre se me salta o corazón, e as lágrimas pretenden saír, pero como non tou na casa, vai ser que non...
precioso!!!!!!!!!!
Chora e sorrir á vez non é algo que ocorra todos os días. Grazas Nano. A miña historia é semellante e tamén feliz. Así seguro que sería a de calquera que se achagase ata Bando a axudar ao seu futuro mellor amigo.
Publicar un comentario