lunes, 6 de febrero de 2012

Recibimos noticias de Pachorra (antes Aída)



Este é o precioso texto que nos enviou Carla, a dona de Pachorra:


Escribo isto mentres ti me miras cun ollo a medio abrir. Estás tumbada co corpo todo estricado xunta a estufa. Fora chovía cando saímos pasear. Sempre que chove é unha festa voltar para casa. Sécote coa túa toalla amarela e ti comezas a mordela e rebozarte con ela, para ti é un xogo.

Xa fai 8 meses que entrache na miña vida. Cómo pasa o tempo, sinto que foi onte cando te vin no Toural, toda guapa, limpiña e peinada con mimo polos voluntarios, preparada para namorar a calquera.
Facía tempo que me rondaba na cachola a idea de adoptar. Xa facía un ano e medio que o meu querido Pancho me deixara. Aínda hoxe, todos os días me lembro del cun sorriso. Tras ese período de loito, atopábame xa preparada para ofrecerlle cariño a outro peludo.
En ningún momento pensara en mercar un can.
Sentía noxo ante a idea de comerciar ca vida dun animal.
Sentía unha inmensa mágoa ó imaxinar a todos os que, coma ti, agardaban unha nova oportunidade. Esa que humanos irresponsables e sen corazón lles negaran ó abandoalos.
E sobre todo, sentía carraxe áceda cara aqueles que condean a unha existencia de soidade e miseria a seres tan nobres.
Así que decidín adoptar. Sabía que era a decisión correcta. Non sabía (sóubeno despois) que sería e mellor que tomase en moitísimo tempo.



Os meus criterios eran moi simples: buscaba un can adulto, tranquilo e que non fose dominante con outros cans.
Moita xente me previra contra a posibilidade de adoptar un can adulto. Dicíanme que habías tardar máis en aprender as cousas. Que nunca serías tan cariñosa como un cachorro criado na casa. Que traerías malos costumes. É curioso que ningunha desas persoas tivera nunca un can adulto. Nin unha. Os humanos estamos cheos de prexuízos.
Por sorte, ti que me coñeces, sabes o túzara que son cando tomo unha decisión. Estaba convencida de que todo iso non eran máis que ideas preconcebidas e ademais, sabía que quería darlle unha oportunidade a un can maior. Un cachorriño, razoaba, sempre terá máis posibilidades de adopción. Ti levabas 5 anos no Refuxio de Bando cando te coñecín. Cinco anos. Dise pronto. Chegaches alí con un. Algún asasino con escopeta debeu decidir que non valías para cazar.

E menos mal que me mantiven firme. Porque mi madriña... qué sorte tiven contigo! Nestes oito meses non fixeches máis que mellora-la miña vida. Agora ríome de toda esa xente que me di que un can maior non aprende rápido e que lle costa adaptarse á vida nunha casa. Ti non tardaches nin unha semana en aprender a face-las túas cousas fora. Nesa semana aprendiches tamén o teu nome, a sentarte nos semáforos para agardar, a acudir á chamada estando solta e a quedarte quieta cando cho pido. Tamén que a estufa do meu cuarto é TÚA, que só podes subir ó sofá do despacho e a pedir que che rascasen na barriga. A todo estabas receptiva, só querías agradar.

Houbo cousas que nos custaron máis. Por exemplo, o teu medo ós cativos. Volvíaste tola cando vías algún. Gracias á miña sobriña de seis anos, que nos axudou moito, puidemos traballar nese temor ata superalo. Hoxe en día calquer neno pode achegarse a ti e acariñarte, que ti ficas tranquiliña e relaxada.

Lembrarei sempre a primeira vez que te levei á praia. A túa ollada bicolor totalmente excitada, correndo, saltando, facendo a croqueta na area. Mirábasme e ladrábasme e eu sabía que me estabas dicindo o incrible que che parecía ese lugar, o moito que che gostaba. Bañámonos xuntas e nadaches como un golfiño. Esa noita roncaches a todo volume. Estabas cansa e feliz.
Agora, meses despois, fago balance e debería darme cun canto nos dentes. Atopei unha amiga boa, intelixente e cariñosa. O teu agradecemento non coñece límites. Podo dicir con seguridade que incluírte na miña vida foi a mellor decisión que tomeu en moito, moito tempo. E se hai algo que lamento, é non telo feito antes.



Dende aquí quero aproveitar para animar o todas as persoas que están pensando en vivir cun can, a que consideren a adopción. Sabendo a situación na que se atopan tantos animais, o cheas que están as protectoras e as perreiras... mercar un animal é un crime. Pensade que cando adoptades, en realidade estades axudando a dous animais: ó que levades para casa e ó que poderá ocupar a plaza del na protectora en vez de estar na rúa.

Quen non adoptou un animal descoñece un dos amores máis fieis e sinceros que existen. Hai poucas cousas máis fermosas que ver a alguén descobrir por primeira vez o cariño dunha familia. Ver cómo pouco a pouco comeza a confiar en ti. Se tivese que resumi-la miña experiencia en poucas palabras, diría que dende que Pachorra vive comigo, a miña vida é mellor. Son máis feliz.
E sei que ela tamén o é. Iso é o mellor.

Carla.




Moitísimas gracias, Carla. Nunca esqueceremos o día que subiches ao Refuxio e te decidiches pola preciosa Aída.

Olalla

1 comentario:

Anónimo dijo...

vaya carta tan preciosa, me siento super identificadaa contigo, Crla, yo cogi a mi perra de la calle hace 4 años, y hace un mes acogi a uno de un refugio, por supuesto se va a quedar conmigo, tus palabras reflejan exactamente lo mismo que me paso a mi con mi perra, y lo que me esta empezando a pasar con este recien llegado, los perros te cambian la vida, y hay quien no entoende que estes dispuesto a eso por "solo" un perro....ellos se lo pierden.