viernes, 4 de noviembre de 2011

CASO ESPECIAL "kriter": RESCATADO DA PRESA DO ENCORO BARRIÉ DE LA MAZA, ZONA BRIÓN



Kriter é un canciño de tamaño medio, cor canela e duns catro anos, que acaba de chegar ao Refuxio de Bando. Ao igual que moitos outros, Kriter ten unha triste historia detrás:


Hai un par de semanas recibimos o aviso dun amigo que encontrara un can, en moi mal estado, atado xunto ao Embalse Barrié de la Maza (Brión). Achegámonos ata este lugar e vimos que xusto ao lado da comporta da presa, no medio dunha morea de rochas, anacos de madeira e plásticos, había un can, ou mellor dito a sombra do que fora un can. Estaba inmóbil e a pesar de que intentamos chamar a súa atención de diferentes maneiras, non o conseguimos. Chegamos a pensar que xa estaba morto pero finalmente vimos como movía unha das súas orellas. Entón xurdiu outro problema, como sacalo de alí? Un de nós baixou polo acantilado e conseguiu achegarse ao animal, que seguía inmóbil, e comprobou horrorizado como a pesar de ter unha longa cadea ao pescozo, esta estaba enredada nun tronco de tal xeito que lle resultaba practicamente imposible poñerse en pé, pero por se isto fose pouco, tiña os ollos destrozados. Unha vez desenredada a cadea, o can púxose en pé e dirixiuse a tropezóns cara á auga e logo intentaba seguir a cegas o noso compañeiro. Agarrándoo pola cadea conseguiuse subilo pouco a pouco ata a estrada e unha vez alí puidemos darlle algo de comer e beber. A pesar de todo o dano que lle causaran e todo o que tivo que sufrir, en ningún momento se amosou agresivo con nós.

Non sabemos como puido chegar ata aquel lugar, pero si temos a certeza de que non o fixo polo seu propio pé e que levaba alí varios días, sen comida, sen acceso á auga, sen poder protexerse do sol nin do frío… Non era doado chegar ata onde el estaba pero si velo, pois estaba á vista de todo aquel que pasase por alí, e cando chegamos había varios grupos de persoas paseando. E ninguén fixo nada por axudalo!

O primeiro que pensamos é que alguén o deixaría alí atado para que morrese, pero parece improbable que alguén arriscase a súa vida para abandonar un animal á vista de todos. Que caera el só tampouco parece posible porque dada a altura e a gran cantidade de pedras que hai alí rompería algún óso e tería máis feridas. Así que só nos queda unha posibilidade: que alguén o golpease e logo o tirase con esa longa e pesada cadea ao embalse para que afogase. O can conseguiu saír da auga e seguramente a cadea se lle enredou nese tronco, e xa non conseguiu moverse de alí.

Agora chámase Kriter e atópase no Refuxio de Bando, onde se está facendo todo o posible por sacalo adiante e darlle a oportunidade que merece. Houbo que extirparlle un dos seus olliños e posiblemente máis adiante, cando estea máis recuperado, haxa que facer o mesmo co outro. Pero Kriter é un loitador e está poñendo todo da súa parte para recuperarse. O problema é que o Refuxio non é o lugar máis axeitado para un animal destas características, así que precisamos encontrarlle un fogar canto antes. Sabemos que non lle resultará nada fácil encontrar alguén que queira adoptalo porque non é un canciño de raza, non é un cachorro, e aínda por riba está cego. Pensamos que poderá facer unha vida case normal, só requirirá unha pequena maior atención. Pode vivir nun piso e saír a pasear, evitando soltalo en lugares abertos, pois podería desorientarse.

Se todos merecen un fogar, Kriter meréceo máis que ningún, xa que loitou pola súa vida ata o último minuto.

Prometemos a Kriter que lle encontraríamos un novo fogar onde lle dean todo o cariño que precisa. Axúdasnos a cumprir a nosa promesa?

CONTACTO:

REFUXIO DE ANIMAIS DE BANDO

ZARRAMACEDO-BANDO s/n

15890 SANTIAGO DE COMPOSTELA

Teléfonos: 981 57 59 57 / 646 492 835

refuxio@refuxio.org

www.refuxio.org

HORARIO:

LUNS/MÉRCORES/VENRES: 9:30-14:00h

SÁBADOS E DOMINGOS: 10:30-13:30h

MARTES/XOVES E FESTIVOS: CERRADO

2 comentarios:

Montse dijo...

cómo pode haber desalmados que lle fagan iso a un ser vivo? Espero que encontre un bo fogar

vir dijo...

ola, kriter ten unha posible casa, digo posible, pois falta confirmar. cruzo dedos!!!!!