
Onte, domingo seis de decembro, unha veciña de Sigüeiro, concello de Oroso, ponse en contacto con Abeiro para informar da presenza dun gato no medio do río. O gatiño, atopábase aillado no medio dunhas silveiras como consecuencia das inundacións provocadas pola intensa chuvia do sábado pola noite. A veciña indícanos que é imposíbel acceder a el, e pídenos axuda.Como é ben sabido, o concello de Oroso é outro dos numerosos concellos do noso país que incumpre a lei de protección animal, e polo tanto, non ten nin refuxio nin persoal para rescatar aos animais abandonados ou que se atopan en perigo como é o caso deste gato. Ante esta situación, un voluntario de Abeiro acude ao lugar, e comproba que non pode chegar ao gato sen material . Chama ao 112, quen envía a Protección Civil, que, pese aos esforzos e boa vontade da persoa que acude, tampouco pode salvalo pola insuficiencia de medios que aporta. Grazas á insistencia do voluntario,consigue que acudan os bombeiros de Ordes, que salvan ao gatiño, que resulta ser unha gata á que se lle pon de nome Tambre. Desde Abeiro queremos agradecer aos bombeiros de Ordes o seu esforzo, e amabilidade, ao noso voluntario a súa insistencia, e á veciña de Sigüeiro que nos tivese chamado para contarnos á situación. Grazas a toda esa xente a gata está viva, pero agora precisa un lugar onde a coiden moito, por iso facemos un chamamento para buscarlle un fogar definitivo. Por outra parte, censuramos unha vez máis o incumprimento da lexislación por parte do concello de Oroso, e anunciamos que presentaremos unha queixa ante o Valedor do Pobo por deixadez das súas funcións.
No hay comentarios:
Publicar un comentario