O pasado sábado 29 de agosto, unha voluntaria do refuxio de animais atopa nun monte de Padrón unha manada de cinco cans en moi mal estado físico, moi delgados e cheos de parásitos.
Nese momento aparece polo monte un Garda pertencente á Consellaría de Medio Rural, quen di que xa tiña coñecemento da presenza dos cans no monte, pero polo que se ve, non fai nada ao respecto.
Algunhas persoas que se atopan pola zona, din que é bastante habitual o abandono de animais nesa zona, e explican que hai máis cans que os que nese momento están alí. A voluntaria do refuxio atende perplexa ás distintas explicacións que se lle dan, sen chegar a comprender como é posíbel que, tanto persoal da administración, como xente que coñece á existencia dun delito, non faga nada e permita que a situación se manteña. Vendo que non vai ter axuda por parte do Garda, chama ao 112, onde lle confirman que o concello de Padrón non ten centro de recollida, nin convenio coa administración, nin con ningunha asociación de protección animal, é dicir, o concello de Padrón incumpre a lei 1/93 de protección animal , co cal, unha vez máis, como é moi habitual no noso país, non vai atopar ningunha solución da admistración.
Como sempre, son os membros das asociacións animalistas e as persoas preocupadas polos animais as que teñen que buscar solucións puntuais ante os numerosísimos casos de maltrato e abandono que acontecen diariamente mentres ás persoas que escollemos para resolver os nosos problemas do día ao día, non teñen tempo para facer cumprir a lexislación.
O 29 de agosto só un can consigue ser rescatado pola voluntaria, unha cadeliña moi delgada e enferma, que se atopa na súa casa neste momento, onde agardamos se recupere moi pronto para poder atoparlle o fogar que merece. Os seus compañeiros non tiveron tanta sorte, e seguen no monte de Padrón, onde posíbelmente ficarán ate a súa morte ante a desidia de quen ten o deber de velar polo seu benestar.
Desde Abeiro, anunciamos que denunciaremos ao concello de Padrón ante o Seprona, e que acudiremos ao Valedor do Pobo para que se dirixa ao Concello de Padrón e explique así porque incumpre a lei.
Susana Romero
Presidenta da Asociación Pola Protección animal Abeiro